Prólogo, obra de Agasol

É unha honra para a nosa asociación empresarial poder colaborar no prólogo deste libro. As empresas que baseamos o noso modelo de negocio en aplicacións Open Source estamos ávidas de profesionais formados e concienciados na defensa e promoción dos dereitos asociados ao código que nos fan fortes e competitivos a todos.

Emprender non é sinxelo, e moito menos nos tempos que corren. Escoitamos a diario noticias desalentadoras de empresas que pechan e autónomos que baixan as súas persianas. Asistimos impasibles á proliferación de grandes xigantes comerciais en detrimento do noso pequeno comercio e vemos como os cerebros que terían que gobernarnos dentro de trinta anos non teñen máis remedio que emigrar en busca de mellores oportunidades. Afortunadamente aqueles que vivimos no apaixonante mundo do Software Libre vemos oportunidades en cada esquina, oportunidades que non serían posibles sen as liberdades que o Software Libre nos brinda e garante.

Grazas ao Software Libre vemos empresas pequenas mellorar a súa competitividade a un custo razoable, emprendedores que compiten con grandes consultoras armados cos seus vellos portátiles con unha Debian e a seu kernel a medida, etc. Nunca teriamos imaxinado ver a xigantes tecnolóxicos co pulso tremeroso ao ler noticias sobre un droide verde. Estamos observando como o mercado do software cambia a un ritmo vertixinoso. Quen se atreve a documentar o modelo de negocio do Software Libre? Existe un só modelo ou tantos como emprendedores con coraxe? Non podemos desperdiciar a grande oportunidade que nos brindan os millóns e millóns de liñas de código aberto dispoñibles.

Crear emprego é cousa de dous, oferta e demanda, esta estraña parella que se pelexa todos os días para manter o mundo en funcionamento. A ninguén se lle escapa que é mellor ensinarlle a pescar ao cidadán que comprar o peixe fóra; por esta mesma regra está claro que un aumento na demanda de aplicacións libres xera un maior aproveitamento da riqueza se o comparamos coa mera compra de licenzas ao xigante estranxeiro de turno. Como principais actores económicos, Administracións e empresarios debemos ser conscientes disto e fomentar a creación de empresas e coñecemento no noso ámbito local; autoabastecernos nas TIC é clave.

Esperamos que os proxectos que este libro contén axuden a achegar o pequeno gran de area que a nosa sociedade do coñecemento necesita.

Alejandro Escobar Díaz

Presidente de AGASOL
(Asociación de Empresas Galegas de Software Libre)