Epílogo, obra da Asociación GPUL

Moito cambiaron as cousas dende que o GPUL naceu, hai case 15 anos na Facultade de Informática da Universidade da Coruña. Eramos entón un grupo dispar de soñadores, que evanxelizábamos polos corredores da Facultade a todo o que nos quixera escoitar… ben, e tamén aos que non… Confiábamos cegamente nun sistema operativo e nunhas ferramentas libres, nun xeito de aprender, de compartir coñecemento, de desenvolver software.

É posible que naquel momento esa confianza cega nos mostrara ante o mundo coma uns inxenuos. É posible que naquel entón o mundo do software privativo nos superara en medios e en penetración social. Pero iso non nos botou para atrás. Creamos unha infraestrutura para compartir información, organizamos hackmeetings, iniciamos proxectos propios ou iniciámonos nos grandes proxectos de software libre. E como non, comprendemos a importancia de que o software que facíamos ou usábamos estivera na nosa querida lingua galega. Como bos evanxelizadores, medramos lonxe da nosa alma máter, chegando incluso a crear unha sucursal en Ourense, que posteriormente converteuse nun grupo independente, pero irmandado: o GULO.

15 anos no mundo da Informática poden chegar a ser un ciclo. Hoxe xa non é estraño para calquera pequena, mediana ou grande empresa falar de Linux, e aínda que moitos usuarios de a pé non o saiban, levan un kernel libre no seu teléfono móbil. O software libre e, en concreto, os sistemas GNU/LINUX, están máis presentes que nunca na vida de todos. E iso débese ó bo facer da filosofía que impulsou o movemento do software libre dende os seus inicios.

Un dos síntomas de que as cousas cambiaron é que, ademais dos nosos meetings máis ou menos informais, hoxe vemos con alegría iniciativas como o Máster en Software Libre, que proporcionan unha sólida formación en tecnoloxías libres. Deste Máster cónstanos que saíron magníficos profesionais, a maioría dos cales se reúnen nunha asociación que comparte principios coa nosa. Con GHANDALF existiu feeling de contado, e despois de colaborar na organización dalgúns pequenos eventos, certificamos o irmandamento entre asociacións ó contar coa súa colaboración nun dos mellores e máis grandes eventos sobre software libre que tiveron lugar na nosa terra: a GUADEC 2012.

Dende o principio, GHANDALF nas súas accións mostra unha necesaria preocupación pola documentación do software. É algo que tendemos a esquecer cando estamos perdidos entre miles de liñas de código: que tan importante é desenvolver o proxecto como documentalo. E así chega ás nosas mans esta nova publicación, coa que aprenderemos moito, por suposto, e tamén disfrutaremos. Dende GPUL queremos agradecer e felicitar ós autores, editores e á asociación GHANDALF en global, por este traballo que amplía a documentación sobre software libre en lingua galega. Un paso máis cara a unha sociedade máis libre.

Francisco J. Tsao Santín

Presidente da Asociación GPUL