Sobre o libro

Como post-grao tecnolóxico, o Máster en Software Libre constitúe ano a ano un marco perfecto para incentivar a creación. O propio Software Libre é unha ferramenta perfecta para crear, concedéndolle tanto aos programadores como aos usuarios a garantía de poder traballar nun contexto de liberdade no que se promove o coñecemento, o traballo colaborativo, a xeración de valor… e unha longa lista de valores intrínsecos en calquera ética xusta.

Desta terra fértil agromou na segunda edición do Máster en Galicia (ano 2008-2009) un conxunto moi completo de traballos técnicos, parte dos cales están recollidos no presente libro.

Tanto se estás interesado en temas técnicos sobre o software libre, como se tes interese na súa faceta máis filosófica ou social, no libro «Máster Software Libre en Galicia, ano II» contas con artigos que che poden ser de utilidade, ou que cando menos poden darche un empurrón para que te embarques no incrible mundo do Software Libre.

Recomendámosche con especial interese este libro se estás nalgún, ou varios, dos seguintes casos:

  1. Se estás interesado-a na faceta técnica do software libre, e queres ver algúns traballos desenvolvidos neste eido
  2. Se xa tes unhas bases de coñecemento sobre o software libre, e queres amplialas no eido técnico
  3. Se estás interesado en cursar estudos sobre software libre

En calquera caso, os traballos reflectidos en «Máster Software Libre en Galicia, ano II» poden axudarche a enriquecer o teu coñecemento sobre facetas técnicas das tecnoloxías libres, ou simplemente poden servirche para achegarte ao asombroso mundo do software libre.

Como conseguir o libro en galego