Unhas verbas da Asociación GHANDALF, antes de comezar

Este libro é un compendio, unha escolma na que se recollen parte dos traballos desenvolvidos polos alumnos e alumnas que cursaron a segunda edición realizada en Galicia do Máster en Software Libre. Deste xeito, o libro está conformado por achegas de Manuel Fontán García, Pedro García Rodríguez, Javier Jardón Cabezas, Beatriz Montero Fernández, José Puente Fuentes e Manuel Rego Casasnovas.

Continuando a liña de publicación comezada o ano pasado coas teses de mestrado da primeira edición do Máster en Galicia, dende GHANDALF axudamos un ano máis a que vexan a luz en lingua galega e en formato libro un rico conxunto de traballos técnicos centrados en diversos aspectos do Software Libre. Como o primeiro ano, a heteroxeneidade dos contidos do libro non é máis que un fiel reflexo da heteroxeneidade enriquecedora presente no mundo do Software Libre, sendo esta unha virtude esencial nun movemento que día a día conta con maior forza, e contribúe de xeito máis acentuado na mellora da nosa sociedade. No momento da súa redacción, todos estes artigos superaron os máis estritos estándares de calidade, pero o lector debe ser consciente que os mesmos elaboráronse entre os anos 2008 e 2009, polo que a día de hoxe pode que algún deles poida verse desactualizado respecto do estado da arte actual; o inevitable paso do tempo aféctalle a todo o que nos rodea, e a todas as nosas creacións, pero non por iso é menor o valor do traballo acometido.

Dende o comezo da nosa andaina, en GHANDALF temos moi claro que o software libre e mailo coñecemento aberto son ferramentas fundamentais para o presente e máis para o futuro de Galicia. Fieis ao principio fundacional de ser axentes activos no fomento do Software Libre e do coñecemento aberto na nosa sociedade, levamos a cabo a publicación de “Máster Software Libre en Galicia, ano II” como achega dun novo libro técnico en galego sobre o software libre, listo para que calquera persoa, entidade ou institución interesada no incrible mundo do Software Libre teña a man un recurso que desexamos que lle poida ser de utilidade.

As derradeiras verbas desta introdución son de agradecemento, agradecemento aos autores orixinais do artigos, pero tamén aos mecenas que nos permitiron sacar unha tirada en papel, á deseñadora e á imprenta, ás entidades autoras do prólogo e epílogo, e a todos os axentes que permiten que o Software Libre sexa unha realidade.

«Brindemos polo commit, que é o átomo do software libre!»

– Asociación GHANDALF